O Complexo Industrial e a UDC colaboran nun proxecto para o control dunha especie invasora en Oleiros
O Complexo Industrial de Repsol na Coruña e a Universidade da Coruña (UDC) veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a entidade académica desenvolverá un traballo de investigación dirixido a controlar a Helichrysum petiolare, planta invasora presente na costa de Dexo, no Concello de Oleiros.
Ao abeiro deste acordo, o equipo de investigación dirixido por Servia e Fagúndez, investigadores e docentes na UDC, desenvolverán unha monitorización e seguimento da eficacia das medidas de control desenvolvidas polo Concello de Oleiros para controlar esta especie invasora.
Así o explicaron ambos investigadores nunha visita á zona da contorna do Faro de Mera. Nela es-tiveron a directora do Complexo industrial, Natalia Barreiro; a concelleira de Deportes, Turismo, Promoción Económica e Formación e Emprego de Oleiros, Teresa Vázquez; o concelleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Servizos Municipais, e Parques e Xardíns, Antonio Molinos; e a adxunta de Investigación da UDC, Amalia Jácome; acompañados de técnicos municipais.
O obxectivo deste proxecto, tal e como indican Servia e Fagúndez, é medir a eficacia das diferentes alternativas de control e mellorar o coñecemento sobre rexeneración e reprodución da especie. Un ensaio que consiste na reprodución a pequena escala do control manual ou mecanizado, medindo a presenza, a cobertura e biomasa da especie invasora, e o seu efecto sobre a comunidade nativa e as condicións do solo.
A Helichrysum petiolare é unha planta arbustiva orixinaria de Sudáfrica que se atopa en varios lugares da costa coruñesa. Aínda que se coñece a súa presenza desde os anos 70, a súa rápida expansión neste século convértea nunha das que provocan unha maior preocupación nestas áreas, dado o risco que supón para a biodiversidade.